60 edición do Trofeo Mundial de Acordeón en Vigo
Publicado o 21/09/2010 @ 07:05 Actualizado o 21/09/2010 @ 07:05 Escrito por Administrador
Músicos de 20 países competirán na 60 edición do Trofeo Mundial do Acordeón, que se celebrará desde o 21 ata o 25 de setembro na cidade de Vigo. Todas as probas do certame, incluído dentro da programación do Camiño da Música do Xacobeo 2010 e organizado pola Asociación Galega do Acordeón como membro da Confederación Mundial do Acordeón, estarán abertas ao público, que poderá tamén asistir de forma gratuíta a diversas actuacións.
Francia, Bélxica, Rusia, China, Suíza ou Croacia son algúns dos puntos de procedencia dos artistas, seleccionados nos seus lugares de orixe, que participarán agrupados en diferentes categorías (junior, sénior, clásico e varieté), ás que hai que sumar o Trofeo Nacional Xacobeo, establecido por primeira vez este ano. Serán cinco días para gozar con músicos virtuosos en competición e figuras consagradas, e entre as que non faltará representación galega.
A gala inaugural celebrarase o martes ás 20.30 horas no Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo, co concerto Carmen Replay, a cargo de Rejoice!, mentres que o mércores ás 20.30 horas no Salón Rexio do Círculo Mercantil actuará Paolo Ascanio Jazz Quartet. A gala de clausura será o vindeiro sábado, día 25, ás 18 horas no Auditorio do Centro Cultural Caixanova e nela mediranse os acordeonistas escollidos polo xurado nas distintas categorías.
Máis información aquí.
Os comentarios están pechados.





