Culturgal: Feira das Industrias Culturais do 2 ao 4 de decembro en Pontevedra

Publicado o 01/12/2011 @ 12:54 Actualizado o 01/12/2011 @ 12:54 Escrito por Administrador

Os vindeiros 2, 3 e 4 de decembro terá lugar unha nova edición da Feira das Industrias Culturais (CULTURGAL) no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Culturgal é o fogar da cultura galega. Unha gran casa construída entre os distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías. Un fogar coas portas e ventás abertas sempre cara á sociedade.

Culturgal celebra un evento anual que conxuga o encontro profesional coa presentación, promoción e venda aberta ao público de produtos e servizos. Para facelo, válese de dúas patas fundamentais: a Feira e o Foro. A Feira das Industrias Culturais de Galicia achega ao público ás novidades editoriais, o último en música, o glamour do audiovisual, a maxia das artes escénicas, os avances das novas tecnoloxías e mesmo as propostas máis marxinais en tres días de actividade sen tregua para os públicos máis variados. O Foro Culturgal, pola súa banda, é un lugar de encontro privilexiado para os axentes do sector, un espazo para a reflexión e a aprendizaxe, no que intercambiar experiencias e imaxinar novos proxectos baseados na colaboración e no apoio mutuo.

Tendes a programación completa na web do Culturgal ou no folleto da Feira.

 

Os comentarios están pechados.