Foro musical “Percebe Son” o 17 de febreiro en Vigo

Publicado o 02/02/2011 @ 09:31 Actualizado o 02/02/2011 @ 09:31 Escrito por Administrador

O próximo xoves 17 de febreiro de 2011 terá lugar en Vigo o “Percebe Son”, foro musical, cultural e de entretemento organizado polos alumnos de 2º de Producción Audiovisual do I.E.S. Audiovisual de Vigo (avenida Eduardo Cabello, s/n, Bouzas, xusto detrás do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC).
O foro “Percebe Son” nace ante as inquedanzas culturais e musicais do Equipo de Normalización Lingüística do I.E.S. Audiovisual de Vigo e dos alumnos de 2º de Produción Audiovisual, de Radio e Espectáculos. Entre os obxectivos do foro están o de pór en contacto aos músicos máis novos con outros de consolidada traxectoria, así como dar a coñecer ao público bandas que están a comezar e crear un espazo no que todo o mundo se sinta cómodo e animado á participación.

“Percebe Son” contará con diversas actividades durante todo o día. Pola mañá unha charla coloquio sobre música galega presidida por Xurxo Souto ex-líder e vocalista de Os Diplomáticos de Montealto e líder da banda Os Tres Trebóns, presentador de televisión e locutor de radio. A continuación gravarase no estudio de radio da escola o programa “Planeta Furancho” de Radio Galega Música que será emitido ás 23:00. Xa pola tarde impartirase un obradoiro de creación musical e haberá unha exhibición de videoclips de música en galego e unha sala habilitada para cantar no “Galeoke” o karaoke galego. E para rematar a xornada, terán lugar o concerto acústico de Ataque Escampe na Sala de Exhibicións e os concertos de Som do Galpom e Raiba no Auditorio do I.E.S. Audiovisual de Vigo.

Para máis información e próximas confirmacións:  http://percebeson.wordpress.com

Información vista en www.komunikando.net

 


1 Comentario

  1. [...] eco do Percebe Son, entre eles a web sobre música galega Komunikando, a páxina da asociación Músicos ao Vivo, a axenda cultural “Que hacer en Vigo?”,  o foro musical Rock Vigo e nas webs da [...]

    Díxoo Os medios fanse eco do Percebe Son « Percebe Son: Foro Musical Galego 17/02/2011 o día 10/02/2011 ás 14:00