imaxe da nova
Contacto e Tarifas

Entrevista a Juan Carlos Cotelo socio nº 252 e membro de Talesien.

imaxe do usuario Xestor Xestor
1 outubro 2013

 

-Como empezaches na música?

 

Pois foi ó pouco de empezar a escoitar Metal, na miña aldea todos os rapaces pasabamos as tardes escoitando todas as K7 que chegaban as nosas mans de Maiden, Accept, Scorpions, Metallica etc e vendo os vídeos na casa que tocase esa tarde, un detrás de outro e outra vez... creo que foi na Metal Hammer que ofertaban guitarra+ampli+correa, e uns rapaces de Laracha uns anos maiores compraran bastante equipo e formaran unha banda sen apenas saber dar un acorde e nós decidimos facer o mesmo, así que comprei cos meus aforros unha guitarra, Sergio o seu primeiro baixo e formamos unha banda cos outros dous amigos da infancia. Os primeiros acordes aprendémolos cos posters dos nosos ídolos, indo a concertos tanto de grupos da zona como Mördor (máis tarde Zenzar) Desertores do Arado, Maquiavelo, Xudef Klas, así como todo grupo que viñese tocar a Coruña e tiveramos a posibilidade de ir ver; do que nos ensinaba o guitarra de Malavida (grupo de pop rock local) e co libro de Salvador Domínguez. Máis tarde xa a clases con Pedro Valero.


 

-Tras tantos anos de carreira, de que xeito inflúe esta longa experiencia á hora de abordar novos camiños e proxectos?

 

Aínda que si son moitos anos, as cousas repítense, os problemas na música son os de sempre, vas aprendendo a tomar as cousas con calma, ir paso a paso, poñéndote unha meta para ese ano, sexa compoñer novos temas, gravar disco e edítalo, como poñerte a cerrar unha xira, que a banda en ningún momento se vexa sen un horizonte e tamén, grazas a eses anos, coñeces a moita xente que pode facilitarche o camiño e está disposta a darche un consello ou botar unha man, en ese aspecto podemos dar grazas que nunca nos faltou o apoio da xente.

 

-En que andas metido agora mesmo?

 

Agora mesmo estamos traballando nos novos temas para o que será o cuarto disco da banda e preparando un par de concertos en Asturias e Madrid no Symposium Metal Fest II xunto a outras tres bandas de sona nacional.

 

-¿Cales son as túas influencias musicais?

 

Dentro do que máis escoito que é Metal, como digo sempre, desde Bon Jovi, Europe a Death, sexa Hard, Power, Thrash, Progresivo, Gothic, sempre e cando teñan boas cancións para o meu gusto, non me vai deixar de gustar por ser máis ou menos duros, pero hai uns grupos que si te marcan un pouco máis e cos anos vas deixando uns e coñecendo outros, neste momento o que máis escoito é Circus Maximus, Evergrey, Kamelot, Dream Theater, Symphony X, Seventh Wonder.

 

-Como ves a situación da música actual en Galicia?

 

Vexo mais grupos que nunca de diferentes estilos, xente con gana de facer ben as cousas, sexa gravando en mellores condicións, incluso masterizando fóra, boas presentacións, bos equipos para soar en directo, pero polo contrario, un momento social moi malo para todo en xeral, e máis no tema musical, que non sabes cal é o camiño a seguir debido a que os concertos en locais cada vez teñen menos concorrencia e a única luz que se ve é meterse en festivais, que son os que están funcionando e atraendo á xente, debido a cantidade de grupos e aditivos a maiores.

 

-Que che parece que exista un colectivo asociativo de músicos galegos de carácter xeral?

 

Se os propios músicos non se unen para loitar polos seus intereses ninguén o vai facer por eles, lía fai pouco unha entrevista na This Is Rock ao cantante e fundador de Revolver onde dicía que a música, dende que pasou de venderse en tendas especializadas a venderse en grandes superficies onde ti vas a compra e ó lado de un saco de patacas podes comprar o ultimo disco do grupo de moda e un disco en oferta a un euro, perdeu o "glamour" que supostamente puidese ter, e se xa en España o músico desde sempre foi marxinado salvo que sexas un superventas, a única arma que nos queda e a forza da unión,

 

-Que papel cres que debe desempeñar a administración pública na música e nas industrias culturais en xeral?

 

Esta pregunta nun pais que se quere equiparar a outros do seu redor, incluso xa Portugal, non teriamos nin que plantexala. Que é un pais sen cultura? Sen música, teatro, toda clase de artistas, xunto á educación, e sanidade, a cultura é algo no que un pais tería por obrigación telo como prioridade, facilitando locais de ensaio, escolas, salas de concertos, axudas ás bandas para poder sacar adiante os seus proxectos e multitude de cousas máis.

Pero tampouco podes agardar moito dun pais onde se lle chama cultura e festa nacional a matar un touro cunha lanza para goce dalgunha xente.

 

-Se tiveras que elevar unha queixa como músico, contra quen a elevarías? Cal sería a túa protesta?

 

Tal e como está a sociedade nestes momentos pouco podemos facer se non se fixo antes, so nos queda aguantar e seguir loitando polos nosos proxectos, volvo a repetir o da anterior pregunta, un pais sen educación, sanidade e cultura é un pais condenado, e os culpables somos todos por permitilo. Espero que nun futuro e cunha das xeracións das máis preparadas perdida por falta de traballo ou emigrada para buscar un futuro, nos demos conta do que se fixo mal, aínda que tamén pode pasar que nos tempos máis duros é onde pode saír unha revolución cultural e dentro dela a música con novas bandas e proxectos que fagan espertar á xente.

Novas Relacionadas

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información