O pregón de Mario

Non había outro mellor. Mario Vaquerizo vai ser quen dea o pregón do Entroido en Vigo. Non se sabe moi ben que fixeron @s vigues@s para merecelo. E ​por riba, ​despois actuará co seu grupo, as “Nancys Rubias”.

Mario Vaquerizo, o ano pasado, nunha entrevista, dicía de forma entusiasta dúas cousas significativas que definen a súa categoría artística. Primeiro, que el e o seu grupo sempre facían play-back, isto é, que nunca había son en directo nos seus shows (nin a súa voz, por suposto). Segundo, que cando o seu guitarrista lle dixera que quería estudar música, contestoulle que se o facía botábao do grupo. Estudar música, dixo, era algo “del siglo pasado”. Tal cual.

Non dubidamos de que ambos os dous actos vanse encher de xente, e esa vai ser a razón que o alcalde Caballero esgrima ante calquera crítica a súa decisión, está claro. Mentres tanto, estes días circula unha petición en change.org demandando máis atención cara @s artistas de Vigo. Será que como é xente que interpreta a súa música en vivo, e ademais se preocupan en estudala, aos polític​@s​ non lles debe parecer que o que fagan sexa de especial relevancia. É moito mellor alguén que, ademais do arriba mencionado, declara que o seu traballo é “ir a El Hormiguero, a Ana Rosa, hacerme fotos y conceder entrevistas”.

Dende MAV, unha vez máis, nestes tempos de drásticos recortes en todo o relativo á cultura, parécenos insultante que se gasten cartos públicos deste xeito e se siga menosprezando o traballo d@s artistas galeg@s, que somos ​quen máis estamos a sufrir as consecuencias destas decisións.