Adeus a B. B. King, o evanxelista do “blues”

Adeus a B. B. King, o evanxelista do “blues” Fonte: Diego Manrique, El País.

B. B. King, de 89 anos, faleceu o xoves 14 de maio na súa casa de Las Vegas. O músico, nacido o 16 de setembro de 1925 nos arredores de Itta Bena (Misisipí), onde foi inscrito como Riley Ben King, fora tratado recentemente pola súa diabetes e a súa hipertensión. Inevitablemente, os seus días finais víronse enturbados por conflitos polo control da súa fortuna, que enfrontaron aos sobreviventes dos seus 15 fillos recoñecidos e aos seus numerosos netos.

Recoñecía que non foi un pai exemplar: estaba constantemente fóra de casa, dando entre 200 e 300 concertos ao ano. A súa gran fazaña persoal? Manterse no cume, ao longo de máis de medio século. Entre 1949 e 2008, B. B. King foi visitante habitual dos estudios de gravación. Dentro da música afroamericana, tan ansiosa de novidades, a súa lonxevidade profesional resultaba milagrosa. Home intelixente, soubo rendibilizar o seu descubrimento por parte do público branco e internacional.

Aínda que Riley B. King traballou nos campos suristas, a súa música tiña vocación urbana e encarnaba a vontade de ascensión social dos afroamericanos tras o boom da Segunda Guerra Mundial. Nos anos cincuenta, definiu o seu estilo con éxitos coma Three o'clock blues, Rock me baby ou Everyday I have the blues, You upset me baby: unha guitarra expresiva engarzada nunha sección de metais que tocaba riffs sinxelos, sobre ritmos swingueantes, todo potenciado por unha voz cálida e convincente, con ecos da igrexa. Un arreglador californiano, Maxwell Davis, permitiu que todo aquilo soase tan suntuoso coma apaixonado.

O seu cancionero trataba esencialmente dos conflitos home-muller e falaba do sexo con elegancia (“encántame a forma en que ela abre as súas ás”, explicaba en Sweet Little Angel). A diferenza de tantos artistas negros que se beneficiaron da eclosión do rock & roll, B. B. King ficou nos guetos. Iso incluía lugares coma o antro de Arkansas onde dous homes, pelexando polos favores dunha tal Lucille, derrubaron un dos bidóns onde ardía gasolina, un método habitual para quentar o espazo. Entre as chamas, King logrou rescatar a súa guitarra; o seu instrumento de traballo cambiaría pero sempre se denominaría Lucille, como recordatorio dos perigos das xiras... e de certas mulleres.

Pero B. B. King tamén triunfaba nas cidades. En 1964, graváronse os seus concertos (facía varios pases diarios) nun teatro de Chicago. O elepé resultante, Live at the Regal, resultaría clave para a segunda fase da súa carreira. Alevíns como Eric Clapton quedaron pampos ante a súa conexión emocional cos asistentes e os seus solos esculturais. Na guitarra, tiña un timbre persoal, o seu fraseo soaba natural, sabía conterse e evitar o exhibicionismo de moitas-notas-e-moi-esaxeradas.

Os admiradores brancos proclamaban regularmente a súa adoración e facilitaron que, a partir de 1967, B. B. King entrase no circuíto do rock, sen cambiar esencialmente a súa música. Sufrira indignidades tales como que lle apupase unha multitude que acudía a ver ao guapo Sam Cooke e que consideraba o blues como rémora de “os vellos e malos tempos”. Así que lle encantou que os hippies o fosen escoitar en silencio en recintos coma o Fillmore. Tamén engaiolou ás multitudes que agardaban ansiosas a reaparición estadounidense dos Rolling Stones en 1969.

A evolución da música negra deixárao atrás, aínda que tentou adaptarse ao fenómeno do soul con elepés como Guess who; mesmo deixou que os Crusaders lle puxeran roupaxe funky en Midnight believer. O seu último grande éxito foi o melancólico The thrill is gone (1970), reflexión sobre o desgaste da vida en parella. En realidade, desenvolveu unha dobre actividade laboral: o esencial era manter o interese dos espectadores internacionais pero sen perder de vista os seus oíntes de toda a vida. Podía vir de triunfar en grandes festivais europeos pero non se lle caían os aneis por ir tocar a calquera modesto club ante matrimonios negros de certa idade, endomingados para gozar das suas electrizantes homilías.

Era xente que coñecía o que había detrás da estrela: tíñase culturizado lendo nos interminables tempos mortos das xiras; tamén era un voraz consumidor de discos, con gustos moi ecléctico. Usou a súa fama para converterse en publicista do blues, tanto en universidades como na Casa Branca. Pero os fieis tamén sabían que B. B. King se deixaba levar por un corpo bonito e que as súas finanzas roldaban os números vermellos: problemas co fisco, demasiada prole ao seu cargo, a atracción polo xogo.

Para eses seguidores, gravaba discos digamos que en familia, con amigos como o monumental vocalista Bobby Blue Bland. O seu management, con todo, potenciaba o seu perfil mediático, en procura dos cachés altos. En 1988, atraeu a novos oíntes ao gravar When love comes to town con U2. Rendibilizou o seu prestixio ao abrir unha cadea de locais, os B. B. King Blues Clubs. De trato afable, tamén cultivou a amizade con músicos en diferentes países: Raimundo Amador, o arxentino Pappo, o italiano Zucchero e, sempre, o discípulo Eric Clapton.

Na segunda metade da súa traxectoria, B. B. King alternou entre discos de capricho e ocorrencias dos tsares da mercadotecnia. Houbo patinazos, como a súa visita a Nashville (Love me tender, 1982) ou o enganoso King of the blues (1989) pero tamén brillou na sentida homenaxe a Louis Jordan (Let the good times roll, 1999) ou na súa inmersión no primeiro blues (One kind favor, 2008).

Era tan modesto respecto das súas habilidades (e tan boa persoa) que até traballou disciplinadamente con, hai que dicilo, mercenarios que non lle chegaban á sola dos zapatos. Con todo, déixanos unha discografía enorme que, sumada a biografías e películas, convírteno no bluesman máis documentado da historia. E, sen dúbida, o máis querido.