Arranca a 3ª edición dos Premios Martín Códax da Música cunha nova categoría musical e importantes novidades nas bases do certame

A música vocal terá o seu propio apartado nesta terceira edición que sumará un total de 16 categorías musicais, 3 Premios Organistrum para recoñecer o labor de salas, festivais e espazos de comunicación musical; e de novo o Premio Honorífico ‘Músicos Ao Vivo’, que premiará a traxectoria dun músico e que se fará público o 15 de marzo. As bases desta convocatoria permitirán a participación de grupos de fóra de Galicia que canten en galego ou interpreten na súa meirande parte repertorio de raíz galega. Renovación tamén na gala de entrega de premios que este ano estará conducida polas actrices e músicas de A PANADARÍA TEATRO que participaron esta mañá na presentación do certame.

A convocatoria, promovida pola Asociación de Músicos Ao vivo, está aberta a proxectos de calquera categoría musical e en calqueralingua. Desde hoxeluns 15 de febrero e ata o 29 está aberto o prazo para inscribir candidaturas a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com

Esta mañá presentouse en Santiago a terceira edición dos Premios Martín Códax da Música. O acto, que tivo lugar no Salón Teatro, contou co respaldo de Jacobo Sutil, director da AGADIC; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; e María Garrido, directora de Marketing das Bodegas Martín Códax; que xunto con Ramón Bermejo, voceiro de Músicos Ao Vivo (MAV), mostráronse satisfeitos pola consolidación do certame, e ilusionados ante unha nova convocatoria que volve achegar novidades para intentar adaptarse á realidade que demandan os músicos e músicas do país. A presentación deu comezo cunha pequena intervención musical a cargo d’A PANADARÍA TEATRO, que realizaron un acuófono con botellas, caixas e corchos de viño MARTÍN CÓDAX. As integrantes desta compañía combinan a súa faceta de actrices coa de músicas, motivo  que xunto co humor, a orixinalidade e a perspectiva de xénero levou a MÚSICOS AO VIVO a escollelas para protagonizar o vídeo de lanzamento e conducir a gala de entrega de premios deste ano que volverá celebrarse no Pazo da Cultura de Pontevedra o 28 de abril.

A continuación, na rolda de intervencións, o voceiro de MAV desgranou as claves desta convocatoria que ten como gran novidade a categoría de COROS E MÚSICA VOCAL e que xurde, segundo as súas palabras, para “abrir as portas dos premios a mais de 15.000 músicos e músicas deste país que forman parte de proxectos de canto coral, desde as tradicionais corais ata os pequenos grupos vocais que están a xurdir nos últimos anos en Galicia”.  

 

O novo calendario do certame

Bermejo aludiu tamén ao cambio de calendario do certame que pasa do inverno á primavera, para situarse nunhas datas que a directiva de MAV considera “máis propicias para os músicos” e que colocan estes premios no calendario dos demais premios sectoriais da cultura galega. Segundo explicou o voceiro de MAV, deste xeito “imos facilitar a participación dos músicos que terán a posibilidade de inscribir todos os proxectos desenvolvidos durante o ano natural anterior”. Ademais “os gañadores poderán facer valer os seus galardóns de cara as contratacións do verán”.

Este ano convócanse 16 CATEGORÍAS MUSICAIS: Pop e Indie / Rock / Blues, Funk e Soul / Metal / Canción de Autor / Hip Hop e Músicas Urbanas / Reggae, Ska e Mestizaxe / Electrónica / Música Clásica e Contemporánea / Jazz e Músicas Improvisadas / Música Tradicional Galega / Folque / Músicas do Mundo (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas..) / Música Infantil / Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena / Coros e Música Vocal.

Os PREMIOS ORGANISTRUM seguirán recoñecendo o labor da industria, premiando a mellor sala, o mellor festival e o mellor espazo de comunicación musical; e por último MAV continúa o seu labor de recoñecer a traxectoria dun/dunha músic@ galeg@ a través do PREMIO HONORÍFICO Músicos ao Vivo, que volverá poñer o foco en artistas de retagarda. Esta distinción decidirase en Asemblea Extraordinaria de Músicos ao Vivo e farase público o 15 de marzo.

Bermejo destacou que “este é un dos proxectos con máis potencial de crecemento de todo o panorama cultural galego porque agrupa a un sector cada vez máis amplo, emerxente e talentoso”.  Para o voceiro de MAV, os Premios Martín Códax da Música son un exemplo de colaboración entre sociedade civil, administración local e autonómica, e empresa privada. Apuntou ao diálogo, ás sinerxias, á eficiencia e ao compromiso de todos estes axentes, e destacou a gran aposta das Bodegas Martín Códax e do resto de patrocinadores e colaboradores, a quen agradeceu a súa forte implicación neste proxecto. Por último, animou a todas as músicas e músicos a consultar as bases na web www.premiosmartincodaxdamusica.com e inscribir os seus proxectos antes do 29 de febreiro.

 

Quen pode presentarse aos Premios Martín Códax da Música.

Todo aquel proxecto musical galego que estea vixente e en activo no ano 2014. Por proxecto musical galego enténdese todo aquel grupo, solista, ou colectivo que teña a súa residencia habitual e marco de actuación en Galicia. Se o proxecto é de fora de Galicia, deberán ser maioría os integrantes galeg@s, ou, polo menos, o 50%. Como novidade, este ano tamén poderán participar grupos de fora de Galicia que canten en galego ou interpreten na súa meirande parte música de raíz galega. Non será requisito imprescindible ter editado disco neste no último ano, nin ter editado disco algún. Se ben a produción discográfica é algo que debe pesar e moito na traxectoria dun proxecto musical, estes premios pretenden valorar o feito musical ao vivo, independentemente do traballo discográfico. Non é necesario ser soci@ de Músicos ao Vivo para presentarse a estes Premios. A inscrición será libre e gratuíta.

 

O proceso de votación

A través dun proceso de votación online e privado a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com, os socios de Músicos Ao Vivo elixirán primeiro aos 3 finalistas de cada categoría e a continuación, nunha nova rolda de votacións, as/aos premiad@s en cada categoría. Para facerse soci@ de Músicos Ao Vivo, so é preciso ser músico e asociarse en www.musicosaovivo.com. Os finalistas coñeceranse o 7 de abril durante a Festa de Nomeados nas Bodegas Martín Códax.

 

Os apoios

A convocatoria está apoiada desde o ámbito privado por Martín Códax , que demostra unha vez máis o seu compromiso coa cultura galega apoiando os premios como patrocinador principal. A directora de Marketing das Bodegas, María Garrido, apuntou que estes premios "son necesarios para reivindicar a calidade artística das produciónsmusicais galegas" e tamén como "punto de encontro dos músicos e músicas". Garrido engadiu que "Martín Códax seguirá apostando pola cultura galega e especialmente pola música", un sector que se move dentro duns parámetros de colaboración "moi próximos aos principios cooperativos que definen a filosofía de traballo das nosasadegas".

A nivel institucional, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, lembrou o apoio que a Xunta de Galicia leva prestando a estes premios desde a súa primeira convocatoria en 2013 e valorou especialmente que se trate dunha convocatoria promovida de xeito directo por unha asociación do propio sector que repercute na difusión de toda a profesión musical galega. Neste sentido, explicou que, a través das edicións anteriores e tamén mediante o pasado festival vinculado aos premios que se celebrou o pasado mes de setembro en Santiago, “toda a cidadanía pode percibir hoxe con maior claridade a variedade e o talento musical que posúe Galicia  a través do traballo dos seus intérpretes”.      

Pola súa banda, Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra, asegurou que “os Premios Martín Códax da Música son o mellor escaparate da enorme e diversa produción musical que se fai en Galicia e estamos moi orgullosos porque ter na nosa cidade un evento que saque todo isto á luz é algo incríble”. Neste sentido agradeceu a MAV que pensaran en Pontevedra para acoller a gala dos premios e indicou que “durante os días previos a gala, Pontevedra vai ser pura música” coa celebración dun encontro profesional de música, actuacións musicais en espazos públicos da cidade e unha campaña de música nos comercios.

A continuación tedes os enlaces para a reprodución e descarga do vídeo promocional desta 3ª edición e as galas das edicións anteriores:

ENLACE VÍDEO PROMOCIONAL 3ªEDICIÓN

Reprodución https://youtu.be/G49YME5T-mw

Descarga  https://ssyoutube.com/watch?v=G49YME5T-mw&feature=youtu.be

 

ENLACES GALAS EDICIÓNS ANTERIORES

Reprodución GALA 1ª edición https://www.youtube.com/watch?v=EXFIEYh56VE

Descarga GALA da 1ª edición  https://ssyoutube.com/watch?v=EXFIEYh56VE

Reprodución GALA 2ª edición https://www.youtube.com/watch?v=E4QYTbeiC08

Descarga a GALA da 2ª edición https://ssyoutube.com/watch?v=E4QYTbeiC08