Comunicado de MAV sobre o Festival Noroeste Estrella Galicia

O obxectivo da colaboración da asociación Músicos ao Vivo e o Concello de A Coruña (promotor do Festival Noroeste Estrella Galicia) é axudar a que o Festival Noroeste Estrella Galicia sexa unha referencia en Galicia non soamente pola súa programación senón, e sobre todo, polas prácticas que nel se levan a cabo, especialmente no referente ao trato ás e aos artistas e músicos participantes e ás súas condicións salariais, de seguridade, etc., actuando esta asociación como garante de respecto pola legalidade vixente e polas boas prácticas na contratación e trato aos músicos/artistas que nel participen.

Agradecemos de antemán a oportunidade de colaboración e a vontade de diálogo co tecido asociativo cultural do país e da comarca para chegar a sinerxias interesantes para todos e todas.

As tarefas que asume Músicos Ao Vivo no Festival Noroeste Estrella Galicia son as seguintes:

- Servizo de consultaría sobre as modalidades de contratación dos músicos participantes no festival, cachés mínimos garantidos por artista, supervisión das modalidades de contratos a emitir con cada banda participante, condicións de seguridade a garantir e tratamento xeral dos músicos implicados. Un dos obxectivos desta colaboración é poder asegurar que un dos festivais máis importantes de Galicia cumpre co estipulado nas leis vixentes en materia de contratación e trato a todos os músicos que nel participan.

- Servizo de contratación dos músicos que non dispoñan de sistema para darse de alta na Seguridade Social e emitir factura o día da actuación. Ante a dificultade burocrática e organizativa por parte do Concello de A Coruña de realizar a contratación directa dos músicos, Músicos Ao Vivo asumirá este labor de xeito excepcional, pois non é o cometido principal da asociación, pero cremos que é unha oportunidade de sentar precedentes de cara ao cumprimento dunhas condicións mínimas en festivais da relevancia.

Cómpre salientar que os músicos, por defecto, teñen o tratamento de traballadores por conta allea e deben ser contratados a través dunha relación laboral polo contratante ou organizador do evento. Isto non significa que aquelas bandas ou formacións que teñan detrás unha estrutura empresarial non podan emitir factura polos seus servizos (dando de alta iso si, a cada un dos músicos implicados). Así, ante a preocupación expresada en redes por algúns colectivos a cerca de quen asume as altas dos traballadores músicos no Festival Noroeste, aclaramos que estas son asumidas, como xa explicamos, de xeito excepcional, por Músicos Ao Vivo.

- Establecemento, xunto coa organización, dun modelo tipo de contrato laboral para asinar entre as bandas, Músicos ao Vivo e a organización do Festival. Xestión da sinatura destes contratos con tempo suficiente antes da realización do evento.

- Contratación e xestión nos días do Festival do Plan de Prevención de Riscos Laborais ao que estará obrigada a asociación como contratante cos músicos ao seu cargo.

- Xestión de nóminas e pagamento das mesmas aos músicos contratados, así como a elaboración dos certificados de alta na Seguridade Social para cada un deles.

- Control e seguridade de que todos os músicos que participan no Festival ou en actuacións vinculadas a el, están dados de alta na Seguridade Social no momento de realizar as súas actuacións.

- Relación directa de colaboración coas institución públicas. Músicos ao Vivo tratará sempre, na medida das súas posibilidades, de colaborar coas institucións públicas que soliciten a súa axuda, co obxectivo, ademais dos citados anteriormente, de visibilizar o traballo dun  movemento asociativo entre o colectivo de músicos en Galicia e tentar amosar aos profesionais a importancia de contar cun colectivo forte, unido e útil, que loita pola dignificación dos músicos que desenvolven o seu traballo ao vivo. Loamos a vontade do concello de A Coruña de querer contar con colectivos, tanto cívicos, sociais e profesionais, na programación e desenvolvemento do Festival; o que supón, no noso punto de vista, unha iniciativa pioneira en Galicia e que esperamos teña continuidade noutros festivais e programacións musicais galegas.

 -Traballo formativo. Dende Músicos ao Vivo e a organización do Noroeste estamos a traballar para a implementación de xornadas formativas relacionadas co Festival e que serán de interese para o colectivo de músicos participantes no Festival e tamén dos da comarca da Coruña.

- Para a elaboración dos cachés mínimos, Músicos ao Vivo baseouse na normativa de ámbito estatal vixente hoxe en día; o "Convenio Colectivo Estatal del Personal de Salas de Fiesta, Baile y Discotecas de España".