Asociación
Músicos Ao Vivo nace a finais do ano 2008 cando un grupo de seis persoas deciden que é imprescindible que exista en Galicia unha asociación de Músicos. Uns meses mais tarde consolidase como asociación cultural con estas seis persoas como xunta directiva: Álvaro Vieito, Javier Barral, Jose Santomé, Manuel Cebrián, Max Gómez e Xacobe Martínez.
Dende ese momento organízanse asembleas de carácter mensual onde se discuten todo tipo de temas relacionados cos músicos e a música en directo. O que nun primeiro intre nace como foro permanente de encontro e debate, vai tomando cada vez un cariz máis profesional, e a necesidade de abordar aspectos de maior relevancia resulta xa inaprazable.
Músicos Ao Vivo nace co obxectivo de agrupar e unificar as inquietudes dos músicos de directo, e como plataforma de intercambio de información e opinión. Pretende ser un lugar onde todos os músicos teñan cabida e así posuír unha voz común deste colectivo. A filosofía desta asociación baséase en dignificar a música en directo e o traballo dos músicos que a levan a cabo. Nestes momentos, Músicos Ao Vivo ve a posibilidade e a necesidade de acadar obxectivos máis concretos e máis ambiciosos, que repercutan nunha mellora da calidade de vida dos músicos, así como dunha maior visibilidade pública e mediática, o que esperamos que se traduza nun incremento considerable do número de apoios.




