Bota a andar o Plan de Regularización Laboral dos Músicos en Galicia

Publicado o 07/06/2010 @ 06:12 Actualizado o 21/06/2010 @ 08:36 Escrito por Administrador

O domingo 6 de xuño, a asociación “MÚSICOS AO VIVO” presentou a posta en marcha do seu Plan Estratéxico 2010-2011, no que destaca o Plan de Regularización Laboral dos Músicos (PRLM) en Galicia.

O Plan de Regularización Laboral

Na reunión do domingo contamos coa presenza de Antoni Mas, fundador de MUSICAT (Asociación Professional de Músics de Catalunya)  e responsable de que tras 15 anos de existencia de dita asociación, Cataluña sexa unha referencia en canto á regulación da situación laboral e fiscal dos músicos. Antoni explicounos o funcionamento do  Grupo de Xestión de MUSICAT e anunciou o Convenio de Colaboración que vinculará a “MÚSICOS AO VIVO” coa asociación catalá.

O Grupo de Xestión é unha creación de MUSICAT  para ofrecer os seus servizos nas mellores condicións aos músicos. Para iso, integra dúas cooperativas das que os socios forman parte, unha sociedade limitada e unha asociación cultural, especializadas, todas elas, na xestión laboral dos músicos. Contan con aplicacións informáticas propias que automatizan e axilizan o tratamento de facturas e demais obrigas fiscais ligadas á actividade dos músicos.

Para facernos unha idea da dimensión de MUSICAT, dicir que conta con perto de 3.500 músicos asociados  e que factura en torno aos 15 millóns de euros ao ano.

Necesidade do Plan

Dende “MÚSICOS AO VIVO” entendemos que é preciso implantar un sistema polo que os músicos deixemos de ser considerados traballadores “de segunda”. Hai, pois, unha necesidade real de regular a situación laboral dos músicos dende unha plataforma legal, sinxela, clara e económica, que procure eliminar prácticas pouco legais que se dan no proceso de contracción de músicos actualmente.

Por iso, nada mellor que aproveitar a axuda, a experiencia e os medios que nos brindan MUSICAT e AIE para botar a andar ente plan con tódalas garantías de éxito.

Vantaxes para os músicos

Traballar por medio deste sistema que MUSICOS AO VIVO pretende implantar en Galicia, co apoio do Musicat supón para os músicos unha serie de vantaxes:

-         Legalidade: Poderán facturar as súas actuacións amparándose nos dereitos que outorgan a afiliación e alta na Seguridade Social.

-         Seguridade: O músico mantén a consideración de traballador por conta allea, co cal queda libre de calquera responsabilidade laboral ou fiscal derivada da xestión das súas actuacións.

-         Comodidade: O músico queda exento de calquera tarefa administrativa. Unicamente deberá solicitar as facturas e, no seu caso, presentar o certificado de ingresos para declarar a renda.

-         Economía: Os custos da xestión están axustados ao mínimo, dentro do estrito cumprimento da normativa legal.

Condicións do Convenio

MUSICAT vai ceder a “Músicos ao Vivo” o uso do seu Grupo de Xestión para todo o relacionado cos temas de facturacións de actuacións. Para poder ofrecer o servizo de facturación aos nosos socios vaise crear unha categoría de asociado, o “asociado con dereito a facturación”.

Éstes terán que aboar 50 € en concepto de cota anual e outros 50 € en concepto de achega  de capital ás cooperativas (trámite legal que en caso de darse de baixa sería devolto). Por gastos de xestión, MUSICAT cobrará  un 4% sobre o total da factura emitida, cun mínimo de 8 euros.

Para os asociados que xa teñen pagada a cota de socio anual pero se queren aproveitar das vantaxes do procedemento de facturación só terán que ingresar os 50 € da achega de capital e a diferenza entre a cota con dereito a facturación e a cota ordinaria, isto é 30 € a máis.

Futuro

A idea de “MÚSICOS AO VIVO” a corto e medio prazo é servir de nexo de unión de tódolos músicos galegos, sendo un foro dinámico e aberto onde se poida opinar e facer propostas que axuden á profesión. Tamén se pretende dar o servizo de facturación para os músicos que o precisen, servindo de enlace entre a asociación e o grupo de xestión de MUSICAT.

En canto ao Plan de Regularización Laboral, a nosa intención é , nun futuro, poder chegar a crear as nosas propias cooperativas para xestionar dende Galicia absolutamente todo o relacionado coa regulación da situación laboral dos músicos galegos. Este é un gran paso que se dará cando a asociación teña os recursos necesarios para dalo, isto é, cando o número de socios se incremente dun xeito considerable e cando teñamos o grao de experiencia e coñecementos suficientes para levalo a cabo.

Outras novidades

Do mesmo xeito que se presentou o inicio do Plan de Regularización Laboral, tamén están operativos os outros dous alicerces do Plan Estratéxico 2010-2011.

Por una banda, dende o mesmo día da xuntanza está funcionando a nosa nova páxina web www.musicosaovivo.com , que pretende ser un punto de encontro obrigado para os músicos galegos, así como una ferramenta que facilite as xestión ligadas ao Plan de Regularización Laboral.

Por outro lado, dotouse á asociación dun traballador a media xornada que se encargará da xestión administrativa da asociación, do administración e dinamización da web, da comunicación cos socios e medios de comunicación e será o enlace dos músicos asociados con MUSICAT no referente ao Plan de Regularización.

Sen dúbida, tanto a web como o traballador eran requisitos indispensables para botar a andar con garantías o Plan de Regularización Laboral dos músicos en Galicia, plan que é unha das reivindicacións máis demandadas polos músicos galegos de cara a dignificar e legalizar a profesión.

Apoios

O comezo deste proxecto é posible grazas ao apoio económico brindado dende a AIE (Sociedade de Gestión de Artistas, Intérpretes o Ejecutantes) e ao apoio estrutural e funcional de MUSICAT (Asociación Profesional de Músicos de Cataluña) e de Antoni Mas en particular.

E tamén, como non, agradecemos a  todos os músicos galegos o seu apoio, xa que cada vez están máis concienciados coa necesidade de regularizar e legalizar as súas condicións de traballo, tratando de dignificar a profesión de músico. É vital concienciar tamén ás Administracións e aos contratadores da importancia de regular a situación laboral dos músicos, algo que repercutirá na súa propia tranquilidade, simpleza  e legalidade.

É hora de facer ben as cousas.

 


Os comentarios están pechados.