Charla-Presentación de Músicos ao Vivo en Bueu o 11 de agosto
Publicado o 07/08/2010 @ 05:29 Actualizado o 07/08/2010 @ 05:29 Escrito por Administrador
O vindeiro mércores 11 de agosto terá lugar unha charla-presentación da asociación “Músicos ao Vivo” en Bueu.
O evento, organizado pola “Asociación mozas e mozos de Beluso” e coa colaboración do Concello de Bueu, está encadrado dentro das actividades da Semana Cultural do Trasno 2010 e terá lugar na sala de exposicións “Amalia Domínguez” de Bueu, a partires das 21:00h.
OBXECTIVO DA REUNIÓN
Con esta charla, MÚSICOS AO VIVO comeza a súa campaña de presentación a diferentes colectivos culturais galegos.
A asociación pretende dar a coñecer ao tecido cultural e xuvenil galego os seus obxectivos primordiais, como son o de agrupar e unificar as inquietudes dos músicos de directo e a creación dunha plataforma de intercambio de información e opinión entre músicos de tódolos estilos para así posuír unha voz común deste colectivo. En resumo, trátase de dignificar a música en directo e o traballo dos músicos que a levan a cabo.
Tamén se presentará o “Plan de Regularización Laboral” dos músicos en Galicia, que ten como finalidade a creación de cooperativas de músicos en Galicia para facilitar a facturación dos artistas con respecto á normativa vixente. Dentro deste plan enmárcase o Convenio de Colaboración que MÚSICOS AO VIVO ven de formalizar con MUSICAT para comezar a ofrecer este servizo aos nosos asociados por medio das súas cooperativas.
Invitámosvos a todos á charla, especialmente aos que estedes preto de Bueu.
Agradecemos á “Asociación mozas e mozos de Beluso” a súa disposición e a organización da reunión.
Os comentarios están pechados.




