O Convenio con Musicat xa é unha realidade

Publicado o 01/07/2010 @ 03:49 Actualizado o 06/07/2010 @ 10:12 Escrito por Administrador

Os dias 28 e 29 de xuño, Xacobe Martínez Antelo e Manuel Alonso, en representación de MÚSICOS AO VIVO,
viaxaron a Girona para coñecer persoalmente ao equipo da Asociación Profesional e do Grupo de Xestión de MUSICAT. Asimesmo, aproveitaron a ocasión para acordar os termos que rexerán o Convenio de Colaboración entre as dúas asociacións.

Persoal e instalacións

Os membros de MÚSICOS AO VIVO tiveron a ocasión de ver “in situ” o funcionamento dos distintos departamentos de MUSICAT, recibindo explicacións teóricas e prácticas por parte do persoal especializado en cada departamento.

O trato por parte do equipo humano da asociación catalana foi excelente, máis tendo en conta a gran carga de traballo que supón a tempada estival para o colectivo de músicos.

Convenio de Colaboración

A falta da ratificación xurídica das cláusulas acordadas, os termos do citado Convenio quedaron acordadas por ambas partes, gracias á vontade de traballo conxunto en prol de mellorar a situación dos músicos.

O obxectivo fundamental do Convenio é poder ofrecer aos socios de MÚSICOS AO VIVO a oportunidade de empregar o Grupo de Xestión de MUSICAT para os servicios de facturación de servicios musicais. MÚSICOS AO VIVO será o único interlocutor entre os seus socios e o Grupo de Xestión, a fin de que cando chegue o momento de constutuir o modelo de cooperativas en Galicia, o tránsito ao modelo autónomo sexa prácticamente imperceptible para os asociados da nosa asociación.

A Xunta Directiva de MÚSICOS AO VIVO entende que contar coa axuda de MUSICAT nesta primeira etapa e aproveitar o seu coñecemento e a súa recoñecida bagaxe en todas as áreas relacionadas coa facturación,  é a mellor forma de botar a andar o proceso para chegar a constituir as nosas propias cooperativas. Esta etapa axudará a que a asociación adquira os coñecementos e a experiencia necesarios para poder ofrecer aos seus socios este servicio con tódalas garantías.

Outra documentación

Tamén houbo tempo en Girona para traballar na redacción da documentación que rexerá a relación a tres partes entre MÚSICOS AO VIVO, MUSICAT e o propio asociado. Entre estes documentos figuran o Contrato de Xestión ou a Folla de Inscripción nas cooperativas de MUSICAT.

Posta en funcionamento

A posta en marcha deste proxecto é inminente. MÚSICOS AO VIVO está lista para comezar a traballar con MUSICAT.

Agradecementos

Non podemos deixar pasar a ocasión para agradecer a todo o persoal de MUSICAT o trato dispensado a MÚSICOS AO VIVO, tanto persoal como institucionalmente. Moltes gracies!

 

Os comentarios están pechados.