Preguntas frequentes respondidas

Asociación

Como podo asociarme a Músicas ao Vivo?

Tes que rexistrarte na web, confirmar o usuario a través do correo electrónico aportado e unha vez logueado co teu usuario terás que clicar en "Faite Socio/a". Deberás seguir as instrucións da web para formar parte da asociación.

Cal é o custe de facerse socio/a da asociación?

O custe da cota anual (ano natural) é de 50€.

Que vantaxes ten asociarse a Músicas ao Vivo?

A principal vantaxe é que estarás axudando ao fortalecemento do tecido de músicas e músicos en Galicia. Poderás participar con voz e voto nas asembleas de Músicas ao Vivo, na fase de votacións dos Premios Martín Códax da Música, recibir o boletín semanal de novidades realcionadas co sector (lexislación, inscricións en redes institucionais, etc), aproveitar o perfil público da nova web e a axenda de concertos, gozar de descontos en cursos e convenios organizados pola asociación, recibir asesoramento en materias relacionadas coa actividade musical, etc.

Cooperativa

Como podo asociarme a Músicos ao Vivo S. Coop. Galega?

Tes que rexistrarte na web, confirmar o usuario a través do correo electrónico aportado e unha vez logueado co teu usuario terás que clicar en "Faite Socio/a". Deberás seguir as instrucións da web para os socios cooperativistas. Cumprimentarás os teus datos e así poderemos xerar automaticamente os documentos que terás que aportar.

Cal é o custe de asociarse á cooperativa?

A cota anual é de 80€ (ano natural). Ademais disto terás que satisfacer a achega de capital á cooperativa (50€ unha soa vez, soamente o primeiro ano de darse de alta, por imperativo da Lei de Cooperativas de Galicia, e será devolto cando deixes a mesma).

Para as persoas que se asocien nos últimos 4 meses do ano a cota será de 40€.

As persoas asociadas á cooperativa teñen cuberta a responsabilidade civil nas súas actuacións?

Si, sempre que facturen a través de  Músicos ao Vivo S. Coop. Galega.
Músicos ao Vivo ten contratada unha póliza de Responsabilidade Civil que cobre as actuacións dos grupos que facturen a través da cooperativa en España e Portugal.

Que teño que facer se teño unha actuación e non sei o importe da factura (ou non teño os datos da empresa)?

Tes que enviar un email a facturacion@musicasaovivo.gal para comunicarnos o día da actuación, de forma que podamos darte de alta na seguridade social ese día. Logo, cando saibas o importe para facturar (ou teñas os datos da empresa), tes que facer a solicitude de factura a través da zona socios da web www.musicasaovivo.gal cos datos que faltaban para poder facer a factura.

Que teño que facer para recibir asesoramento en materia fiscal, laboral ou xurídica?

Hai que encher e enviar o formulario que se atopa no menú  "contacto" da web. En breve terás unha resposta ou ben remitirémoste aos nosos asesores. A consulta permite aos socios/as de  Músicos ao Vivo recibir asesoramento profesional, de maneira totalmente gratuíta, a nivel consultivo. Con todo, non cobre xestións, informes escritos nin calquera outro tipo de procedemento.

É aconsellable que nos deixes o teu teléfono para contactarte, en caso necesario, o antes posible.

Que hai que facer para anular unha factura?

Debes avisarnos a través do email a facturacion@musicasaovivo.gal ou dos teléfonos da cooperativa o antes posible, para poder anular a alta relacionada con esa factura.

Que teño que facer se vou actuar nun país extranxeiro?

Os músicos e músicas que vaian actuar a un país estranxeiro deberán facilitarnos os datos seguintes, como mínimo unha semana antes da actuación. Iso permitiranos tramitar o impreso A1 para convalidar a Seguridade Social española coa do país onde se actúe e asinar o contrato correspondente. Necesitamos saber:

- Data ou datas da actuación
- Nome completo da sala, teatro, auditorio, etc.e a súa dirección exacta.

É recomendable asinar contrato entre o programador estranxeiro e a cooperativa con suficiente antelación.

Se o programador é operador intracomunitario é posible facer a factura sen IVE.
 

Pode un técnico ou técnica de son facturar a través de Músicos ao Vivo S. Coop. Galega?

Non. O servizo de facturación só se pode aplicar a profesionais que poden ser dados de alta no Réxime especial de Artistas da Seguridade Social, é dicir, músicos/as, cantantes ou artistas. Os técnicos/as de son, en cambio, deben ser contratados/as mediante contrato fixo ou a tempo parcial, e deben darse de alta no Réxime Xeral da Seguridade Social.

Poden os/as dj´s facturar a través da cooperativa?

Non. O servizo de facturación só pode aplicarse a profesionais susceptibles de ser dados de alta no Regimen Especial de Artistas da Seguridade Social, é dicir, músicos/as, cantantes ou artistas. Os/as dj's pertencen ao sector da hostelería (servizos complementarios) e deben ser contratados/as mediante contrato fixo, ou a tempo parcial, e deben ser dados/as de alta no Réxime Xeral da Seguridade Social.

Pode facer a cooperativa unha factura con data anterior ao día na que se solicitou?

Non. No Réxime Xeral da Seguridade Social, cada factura debe ir acompañada obrigatoriamente da alta correspondente ao dia da actuación. Como é lóxico, non podemos dar de alta a un músico/a o dia da actuación con efecto retroactivo. Así pois, hai que pedir sempre as facturas cuns días de anticipación respecto da data da actuación.

Podo actuar se estou cobrando a prestación por desemprego?

Si, pero debes avisar á túa oficina do INEM antes da actuación. Na propia oficina diranche que documentación debes presentar para poder descontar do paro o día ou días en que traballes. Estes días engadiranse ao final do período de subsidio. Normalmente, pediranche un certificado de empresa en que se especifique os días que traballaches e que fuches dado/a de alta e de baixa no Réxime especial de Artistas. Este certificado debes pedilo a MÚSICOS AO VIVO S. COOP. GALEGA que cho enviará por email ou presentará telematicamente o documento ao INEM.

Inicio de sesión Rexistro
¿Olvidaches a contraseña?
Inicio de sesión Rexistro
or
Inicio de sesión Rexistro
Rexistro
Mediante o acceso á web, aceptas de xeito expresa que podamos usar este tipo de cookies nos teus dispositivos. Clica aquí para máis información