Donicelas

Donicelas é un grupo folk tradicional nacido en Salceda de Caselas.

Todo comeza cando unhas nenas de só nove aniños ilusionáronse coa música da nosa terra da man do Colexio Altamira. Para elas a pandeireta e os cantos tradicionais comezaron sendo un xogo, pero as nenas medraron e o xogo transformouse nunha das súas paixóns.

O destino quixo que coincidiran cun mestre, Toniño, do grupo Treixadura, que soubo facer da música unha materia atractiva, que conseguiu que este obradoiro fose o máis solicitado para as pequenas artistas. A música das Donicelas enfeitizou primeiro a un colexio, logo a toda unha vila e así apareceron as primeiras actuacións, empezaron a soar na radio, na televisión e chegou un dos soños máis desexados por elas: a gravación do seu primeiro disco, “Que nunca foi abalada”, ademáis de colaboracións con outros grupos.

No ano 2015 sacan ao mercado o seu segundo traballo discográfico, "Donicelas", composto de nove temas tradicionais e de autor, con arranxos propios, Neste traballo contan coa colaboración de artistas amigos como Xulio Lorenzo, Uxía Senlle, Paulo Nogueira, Miriam González ou Isaac Millán, quen tamén estivo nos mandos do estudo de gravación.

Hoxe, as mozas e mozos de Donicelas compaxinan os seus traballos e as súas familias coa música, que está presente sempre nas súas vidas. Bea e Noelia son dúas das compoñentes que están dende o comezo e despois uníronse Andrea e Rosa. A raíz do seu primeiro disco incorporan gaita e acordeón, e así complétase o grupo con Xesús e Víctor.

Xa van alá 26 anos dende as primeras actuacións pero as súas melodías seguen a enfeitizar do mesmo xeito que o facían nos comezos.

Músicos