Chicharrón

Chicharrón nace en Carballo (A Coruña) a finais de 2013 da man de Alberto Vecino, integrante dos desaparecidos Franc3s, Diego Gende e Rubén Domínguez, pertencente aos Telephones Rouges.

En marzo do 2014 gravan o seu primeiro disco no Estudio A Ponte de Tomás Ageitos, con produción a cargo de Rubén Domínguez, e, en xuño, Prenom publícao como primeira referencia da súa editora. Con sons entre o dream-pop, o folk, e a BSO dalgún western crepuscular, o seu primeiro disco colleita múltiples críticas positivas, sendo radiado integramente no prestixioso programa de Radio 3 ``Disco Grande´´ de Julio Ruiz. Meses despois entran a formar parte da banda Xurxo Meis (batería) e Mar Catarina (teclado) re-dimensionando o son do grupo e propiciando un cambio de rumbo na forma de compoñer da banda.

A principios do 2016, gravan o seu segundo álbum “POSTAL” (PRENOM, 2016) no Estudio A Ponte de Tomás Ageitos e con produción de novo de Rubén Domínguez. Chicharrón trocan as guitarras acústicas polas eléctricas pero manteñen esa atmósfera vaporosa característica da banda. Cunha sonoridade cristalina e calmada, as letras de Alberto Vecino esquecen a angustia do primeiro disco por unha celebración da alegría tinguida de melancolía e calma. Ao longo dos doce cortes do disco, Chicharrón deslizan un relato de amor e viaxe, debuxando un mosaico de sensacións susurradas, nas que as capas de emoción e a pulsión rítimica superpóñense nun ambiente onírico que recorre todo o álbum.

Presente en moitas das listas do mellor do ano 2016, a publicación de "Postal" levounos a recorrer Galicia presentándoo en directo facendo incursións habituais en escenarios estatais como é o caso do recente "Madrid es Ruido Fest" o pasado decembro.

BANDCAMP

Músicos