Katerina Linke

Katerina Linke é unha pianista e compositora de orixe rusa, afincada en Galicia dende 2009. Naceu en 1980 en Yoshkar-Olá, en Rusia Central, no seo dunha familia de músicas e bailaríns de varias xeracións. Comezou os seus estudos musicais na súa cidade natal e completou a súa carreira profesional no Conservatorio Estatal Superior de Kazán, onde obtivo o seu diploma con distinción.
Dende 2004 traballou como pianista acompañante e repertorista, concertista, compoistora e profesora de piano, entre outros lugares no Ballet do prestixioso coreógrafo Borís Eifman en San Petersburgo, na Escola de Música e Ballet de Tokio en Xapón, e no Transsiberian Express Golden Eagle, un luxoso tren turístico entre Moscova e Vladivostok.

Dende 2009 reside en Vigo. No ano seguinte empeza a traballar como profesora de piano na Academia de Música de Viana do Castelo e pianista acompañante na Escola Profissional de Música de Viana do Castelo. Durante este período acompañou aos seus alumnos en numerosos concursos e masterclasses en Portugal e España. Tamén preparou aos seus alumnos de piano para diversos concursos nacionais e internacionais, onde obtiveron diferentes premios. Periódicamente realiza recitais como solista e como membro de agrupacións de cámara, interpretando as súas propias composicións e repertorio clásico/contemporáneo. En 2016 realizou a interpretación do concerto Nº20 de W.A. Mozart coa orquestra Con Spirito no festival de música clásica en Viana do Castelo.
Foi pianista acompañante na ESMAE (Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo de Porto.

Paralelamente, traballa tamén como compositora escribindo principalmente para piano e conxuntos de cámara e colabora en proxectos audiovisuais de animación e curtametraxes.
Foi seleccionada como finalista do concurso "Galicia creativa" de 2015 organizado pola SGAE na categoría de jazz.
No ano 2016 a súa canción "Algúns din" interpretado polo seu grupo Son de fóra (voz, piano, cello) recibiu o primeiro premio no concurso "Musicando a Rosalía" organizado polo Concello de Vigo. "Algúns din" forma parte dun ciclo de 10 cancións con letras dos poemas "Follas novas" de Rosalía de Castro.
No 2016 publica o libro de partituras para piano "Melodías en blanco y negro", que reúne pezas para piano escritas nunha linguaxe contemporánea e con influencias de jazz. Foi invitada a presentar o libro no Congreso Internacional de EPTA (European Piano Teachers Association) en Porto.

Músicos