Malvela

Cantaban nas súas casas, tiñan nos seus corazóns as cantigas das avoas e un día puxéronse a facer festa con elas para achegarnos o seu tesouro musical. Malvela ofrécenos as cancións que veñen da terra. Somos a música que creamos, as cancións que moitas voces interpretaron a través dos tempos, as melodías que nos identifican. Somos Malvela, música con enerxía para que os cantos tradicionais, eses que elas aprenderon de corrido canda nenas, sigan a facer festa, a ser patrimonio vivo de todos e todas, a engaiolar coa súa beleza e o seu ritmo. Malvela son varias xeracións que se xuntan para transmitir o máis rico legado, cantigas interpretadas en celebracións tradicionais que agora elas recuperan para levar aos máis diversos escenarios ou para que soen nas nosas casas a través dos seus discos. O segredo do éxito de Malvela descóbrese ao velas cantar. Cando danzamos cos ritmos que nos transmite este grupo de mulleres que vai desde os máis de oitenta anos da Señora Carmen ata os trinta e pico de Raquel Domínguez, facémonos idea de que a nosa música non entende de idades, móvenos en todo tempo, forma parte de nós. O grupo Malvela sempre tivo unha querencia especial polo repertorio raiano e plasma agora nun disco en directo, “Raianas”, este afán de irmandade con Portugal e o Miño. Malvela soa mellor 'ao vivo', aí reside a súa esencia e a súa razón de ser. Elas disfrutan do calor do público e están máis 'á vontade', como dirían os nosos veciños portugueses, cantando para a súa xente, bailando, aturuxando e amenizando a festa. |Compoñentes| Señora Carmen, Silvina, Fita, Clara, Carmiña, Carmen, Lina, Maruxa, Aurita, Dina, Teresa, Adela, Paca, Chola e Maruja _ voces Ana Senlle_ voz, percusión tradicional, dirección vocal | Gustavo Domínguez_ acordeón | Raquel Domínguez_ frauta, gaita | Pablo Ces_ bombo |Anxo Pardo_ tambor |Sergio Tannus_ cavaquinho, guitarra

Músicos