Lembranzas da Ría

A charanga nace a finais do ano 2002 no seo da asociación cultural Lembranzas da Ría de Cangas do Morrazo, dentro da sección de acompañamento músico-instrumental. Ata ese momento a música corría a cargo do cuarteto tradicional. Nun comezo adícanse só a acompañar á formación de baile, pero co paso do tempo son numerosos as festas e festivais que requiren a súa presencia para tocar. É así como se vai consolidando o cuarteto e, sobre todo, a charanga. O seu repertorio cubre unha hora de actuación. O director é Roberto Sotelo, gaiteiro formado dentro da asociación dende o ano 1989 de xeito autodidacta. Para elaborar o seu repertorio nútrese das melodías recollidas, de cancioneiros ou incluso de pezas de autor. A charanga está formada por dúas ou tres gaitas, clarinete, tamboril, bombo-chaston e pandeireta, así como o acompañamento de voces do grupo de pandereteiras nas pezas que así o requiren. O apartado de pandeireta ten os seus comezos sobre o curso 1988-89 e vai trocando tanto de compoñentes como de directores ata a súa desaparición no ano 1999. Xa no 2006, ábrese unha escola de canto e pandeireta e constitúese o actual grupo de pandereteiras. O actual director é Carlos Álvarez, e o seu traballo baséase no ensino de cantigas populares froito do traballo de recolleita feito por el mesmo e pola A.C. Lembranzas da Ría. É deste xeito como o grupo aprende os cantares dos distintos puntos de Galicia e as súas características, o que leva ás compoñentes do grupo a utilizar outros instrumentos de percusión ademáis da pandeireta, como poden ser a lata, as culleres, a botella de anís, a pandeira... así como o acompañamento de gaita e/ou acordeón cando así se precise.

Músicos