Grupo de música antiga 1500

O grupo 1500 dirixido por Andrés Díaz, é unha formación vocal e instrumental dedicada á interpretación da música antiga. O seu repertorio comprende desde a música composta nos séculos centrais e finais da Idade Media, até a música do Renacemento e primeiro Barroco, tomando como referente central o ano 1500, que dá nome ao grupo. As persoas que compoñen de 1500 contan cunha ampla traxectoria concertística, sendo membros ou colaborando con outras formacións de ámbito nacional e internacional (Martin Codax, Resonet, Malandança, Vox Stellae, Il Combattimento, Fía na Roca, Vai Trío, Pres de Cambrai, Silva de Sons, Ensemble Rosarum Flores Austria) e teñen ofrecido numerosos concertos en Galiza, España e no resto de Europa.

 

Na interpretación e elaboración dos diferentes programas, o grupo busca o máximo rigor histórico e conceptual, empregando nas súas interpretacións, un amplo repertorio de instrumentos medievais e renacentistas. Ademáis da súa actividade concertística, o grupo de Música Antiga 1500 desenvolve outro tipo de proxectos relacionados coa música, desde a súa concepción e deseño, até a súa execución: bandas sonoras para audiovisuais e teatro (1500 prestou a banda sonora para a cortametraxe Cadea Perpetua ou o documental O mariscal), concertos, obradoiros e materiais didácticos para centros de ensino, conservatorios e escolas de música. 

 

Desde a súa fundación, o grupo leva ofrecido ofrecido un gran número de concertos nos máis diversos escenarios de Galiza, España e Europa: Festival Espazos Sonoros nas súas edicións 2008 e 2012, a Festa da Istoria de Ribadavia, Ciclo de Músicas na Compañía, Ciclo de órgano de Xunqueira de Ambía, Semana Santa de Foz, Semana Santa de Ourense, Museo de Belas Artes da Coruña, Festival Internacional de Músicas da Itinerancia de Compostela, Música nas Ruínas de Pontevedra, Festa da Arribada de Baiona, Ciclo Monumenta, Igrexa de San Paulo de Narbona (Francia), Aste Nagusia de Bilbao, ciclo de concertos da Ribeira Sacra ou o ciclo As notas do pemento, en Herbón.

Recentemente foi convidado para actuar na clausura das celebracións, en Compostela, do VIII centenario da peregrinación de San Francisco e formou parte do programa do I Ciclo de órgano de Vilanova de Famalicão (Portugal), o Festival Pórtico Sonoro, o ciclo Nexos da Cidade da Cultura e o festival de Música Antiga de Loulé, no Algarve. O pasado ano realizou unha xira en Austria, e actuou na Catedral de Innsbruck, no día da celebración da festividade de Santiago o Maior.

Froito do traballo desenvolvido polo grupo son tamén os proxectos Silva de sons e Os menestreis de 1500, dúas formacións que nacen no seo do grupo de Música Antiga 1500, para acadar outros repertorios e integrar outras artes escénicas como a danza histórica.


Compoñentes

MARÍA GIMÉNEZ (voz e percusión)

BELÉN BERMEJO (voz e organetto)

JOSÉ IGNACIO CASTRO (sacabuxa e frautas)

VÍCTOR BLANCO (guitarra barroca, guitarra renacentista e arpa)

ROBERTO SANTAMARINA (fídula e violín barroco)

ANDRÉS DÍAZ (frautas, chirimía, baixón, vihuela e guitarra renacentista)

Dirección: ANDRÉS DÍAZ


Colaboradores

MARCO AMBROSINI (nyckelharpa)
ABRAHAM CUPEIRO (corneta, frautas e gaita)
ARQUÍMEDES ARTAL (viola da gamba e lirone)


O instrumentario

O grupo emprega nas súas interpretacións un amplo repertorio de instrumentos de época, reconstruídos a partir de diferentes modelos históricos, por diferentes construtores artesáns de todo o mundo.

Frautas renacentistas, alto en fa, tenor en do e baixo en fa, segundo o conxunto Hies doKunsthistorisches Museum de Viena, s. XVI. Paul Richardson (Madrid, 2000-2001-2005).

Frauta renacentista alto en sol, modelo Ganassi, s. XVI. Yoav Ran (Israel 2008).

Chirimía alto en sol, segundo modelos renacentistas. John Hanchet (Norwich, 2001).

Baixonciño alto en fa, según o modelo Melchior, comezos s.XVII. Eric Moulder (Staffordshire, 2011).

Sacabuxa tenor, según o modelo Schnitzer, 1590. John Webb (Padbrook, Wiltshire, 2003).

Guitarra renacentista de 4 ordes, segundo o modelo de Melchior Dias c.1585. Stephen Murphy (Mollans sur Ouvèze, 2002).

Vihuela de 6 ordes en sol, segundo diversas fontes do s. XVI. José Ángel Espejo (Madrid, 2001).

Arpa tardo gótica, baseada en cadros de Hans Memling c.1480. Reinhard Thürau (Wiesbaden, 2010).

Organetto, baseado en diversos cadros de Hans Memling c.1480. Herbert Kuhen (Innsbruck, 2007).

 

 

Músicos