Natalia Ensemble

Natalia Ensemble é un proxecto creado por un grupo de novos músicos de procedencia diversa que, tras coñecerse e tocar xuntos na GMJO (Gustav Mahler Jugendorchester) senten a necesidade de prolongar esa experiencia facendo música xuntos.

A idea é a de achegarse (sen director) ao gran repertorio sinfónico mediante arranxos que eles mismo realizan para esta agrupación. Os diferentes solistas do ensemble traballan en conxunto nesta tarefa estudando e interpretando a partitura, tendo de esta maneira toda a responsabilidade e control do resultado: obras orquestrais interpretadas como pezas de música de cámara.

Este ano, o Natalia Ensemble traballou na realización da primeira versión de cámara da Quinta Sinfonía de Mahler. A estrea tivo lugar en Santiago de Compostela e A Coruña durante o mes de xullo. O pasado 3 de outubro repetiuse este concerto no Auditorio Nacional de Madrid e nas próximas semanas poderase escoitar en RNE2.

Paralelamente aos seus períodos de traballo que realizan en Santiago de Compostela, o Natalia Ensemble organiza un curso de música enfocado tanto cara as clases individuais como cara a música de cámara no que participan estudantes de música de toda Galicia, así como do resto de España. Os propios músicos do ensemble forman parte das diferentes agrupacións de cámara e acompañan ao alumnado na súa experiencia camerística, respectando a filosofía do ensemble que valora a práctica colectiva como ferramenta para aprender e desfrutar da música en conxunto. 

Músicos