Masterclass de Marcos Pin o 22 de outubro na Coruña

Publicado o 10/10/2011 @ 10:39 Actualizado o 10/10/2011 @ 10:52 Escrito por Administrador

O día 22 os Locaisdensaio da Coruña organizarán outra master class, neste caso de guitarra, impartida por Marcos Pin, un dos guitarristas con máis talento do noso país.

O evento dividirease en dúas partes tratando os seguintes temas:

* Primeira parte:
- Desglose e desmitificación da armonía Pop-Rock.
- Tríadas maiores, menores, aumentadas e diminuidas: uso común e enbelecemento en Funk-Blues.

* Segunda parte:
- Escala “orixinal do Blues”
- Desglose da escala “orixinal do Blues”: Cells, acordes (“sweep“).
- Construcción de RiffsOstinatos.
- Cómo practicar para obter os mellores resultados: sistemas e técnicas.

Info sobre Marcos Pin na súa páxina web.

A master class terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum, ás 11.00 h., e coma sempre é de balde. Só tedes que vos inscribir seguindo estes pasos.

 

Asemblea Xeral de Músicos ao Vivo o domingo 23 de outubro

Publicado o 04/10/2011 @ 11:27 Actualizado o 04/10/2011 @ 11:28 Escrito por Administrador

Músicos ao Vivo celebrará a derradeira asemblea do ano o vindeiro domingo, 23 de outubro, na sala circular do Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela). O evento terá lugar ás 17h.

Na asemblea falaremos de todas as novidades na marcha da asociación, que son moitas e de bastante calado; das que vos iremos informando chegado o momento.

Trataremos, tamén, cuestións de especial importancia para a marcha da asociación: orzamento previsto para 2012, situación económica actual da asociación, actividades e obradoiros previstos…Debatiremos sobre a liña de actuación a seguir e escoitaremos as inquedanzas dos músicos.

A asemblea está aberta a socios e a músicos en xeral.

¡Contamos coa vosa asistencia!

 

Os músicos do país falan a lingua de Miles

Publicado o 29/09/2011 @ 11:24 Actualizado o 29/09/2011 @ 11:25 Escrito por Administrador

Reportaxe de EL PAÍS sobre o jazz en Galicia.

O documento completo aquí.

 

Ganancias en vendas dixitais e directas de música

Publicado o 29/09/2011 @ 11:07 Actualizado o 29/09/2011 @ 11:09 Escrito por Administrador

A banda de indie-folk Uniform Motion compartiu cos seus fans un interesante estudo dos ingresos que conseguen a través das plataformas de música dixital, comparados coa venda directa. Os resultados chaman a atención.

Segue lendo »

 

Dez ámbitos de actuación económica e empresarial configurarán a política de industrias culturais da Xunta

Publicado o 23/09/2011 @ 01:50 Actualizado o 23/09/2011 @ 01:51 Escrito por Administrador

A Consellería de Cultura e Turismo presentou a pasada semana no Consello da Xunta o informe ‘As industrias culturais e creativas galegas: presente e futuro’, no que se propoñen dez liñas de actuación destinadas a favorecer a dinamización e competitividade do sector cultural galego a nivel económico e empresarial.

Elaborado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o documento baséase na potencialidade das empresas culturais galegas como xeradoras de emprego e riqueza para identificar medidas concretas nos ámbitos do emprego, o emprendemento e a promoción empresarial, a formación, a xestión de fondos europeos, a internacionalización, o emprego de novos instrumentos como a co-creation e o crowdfunding, a agrupación de clústeres ou o incremento inversor e a visibilidade social.

Partindo das conclusión tiradas do estudo de 2010, As cifras da industria cultural galega: análise cuantitativa, segundo o que este sector emprega a máis de 17.500 persoas e factura anualmente por riba dos 1.100 millóns de euros, establécense agora unha serie de obxectivos a curto prazo, entre os que destacan a promoción do emprego xuvenil e a absorción de masa laboral procedente doutros sectores.

Asociacionismo

As medidas propostas esténdense tamén ao asociacionismo profesional, no sentido de impulsar a posta en marcha dun único clúster galego das industrias culturais e creativas, que agrupe os distintos clústeres e asociacións que conviven actualmente no sector cultural (produto gráfico, libro, audiovisual, música, escena, servizos para eventos, etc.) e se converta en interlocutor principal ante a Administración pública.

A optimización dos recursos económicos a favor dun investimento orientado fundamentalmente á xeración de emprego, ao mantemento do mesmo e á consolidación deste tecido industrial, así como o impulso da visibilidade social do sector cultural como motor económico, completan este programa de propostas, a través do que se aposta pola a calidade, a creatividade, o turismo e o patrimonio como eixos económicos de futuro.

Ensaio do patrocinio como figura para apoiar a creación galega

“Primeiro existía unha fórmula que eran os convenios, despois chegaron as subvencións e agora pareceunos interesante experimentar se podería funcionar unha vía como o patrocinio no que as compañías tamén arriscan co espectáculo”. Así se explicou esta semana Juan Carlos Fasero, director de Agadic, na presentación de “O florido pénsil” (Produtora Emedous), primeira montaxe que se presenta baixo esta fórmula. Agadic achegou 25.000 euros, así como a cesión do Salón Teatro onde se estreou o espectáculo que estará de xira pola Rede Galega de Teatros e Auditorios ata mediados de decembro. “É unha fórmula que pretendemos aplicar a determinados proxectos se esta experiencia resulta positiva” matizou o director de Agadic.

Fontes:

AGADIC

CULTURAGALEGA.ORG

 

Datos curiosos sobre a evolución da música

Publicado o 23/09/2011 @ 01:14 Actualizado o 23/09/2011 @ 01:29 Escrito por Administrador

(Enlace a Youtube)

A axencia SimplyZesty elaborou un vídeo repleto de cifras e datos curiosos, que ofrecen unha interesante perspectiva do moito que cambiou o negocio da música. Da para pensar sobre moitas cousa…

Frases do vídeo traducidas ao galego:

- Asistir ao primeiro Festival de Glastonbury en 1970 custaba 1 libra (incluíndo unha botella de leite de agasallo).
- Billy Jean, de Michael Jackson, foi o primeiro vídeo dun artista negro na MTV.
- A guitarra máis cara xamais vendida foi unha Fender Stratocaster asinada (2.7 millóns de dólares).
- Mentres Napster estaba funcionando ilegalmente (1998-2001), as vendas de CDs aumentaron en máis de 500 millóns de dólares.
- En 2002, antes de que chegasen as descargas dixitais, vendíanse 43 millóns de singles en CD no Reino Unido. En 2009 foron 1,9 millóns, pero tamén se venderon máis de 119 millóns de descargas.
- O 95% de todas as descargas de música son “ilegais”.
- De cada 20 bandas que asinan contrato, só 1 venderá máis de 1.000 discos.
- Catro compañías venden o 70% da música do mundo (Warner, Sony, EMI e Universal).
- Warner pagou 28 millóns por obter os dereitos da canción “Cumpreanos feliz”.
- Gibson fabrica 1.380.000 guitarras ao ano (unha por segundo).
- Fabrícanse 2.400 millóns de CDs ao ano. A metade son CDs virxes.
- A venda de vinilos incrementouse nun 41% (período 2010-2011).
- Dr. Dre vendeu o 51% da súa empresa de auriculares “Beats” por 300 millóns de dólares.
- Spotify fai máis diñeiro en Suecia que iTunes.
- Nun mes, Turntable.fm gañou 300.000 novos usuarios. Agora ten unha valoración de 37.5 millóns de dólares.
- Facebook lanzará este mes unha plataforma de música. O ano que vén alcanzará os 1000 millóns de usuarios.

Visto en Hispasonic

 

A SGAE elixe aos quince membros que integrarán a Comisión encargada da reforma do proceso de elección

Publicado o 23/09/2011 @ 11:47 Actualizado o 23/09/2011 @ 11:47 Escrito por Administrador

A SGAE, tralos continuos escándalos protagonizados dende verán por varios ex-dirixentes, parece que comeza a tomar medidas para encauzar o cambio que tanto se leva esixindo dende moitos sectores autorais. En asemblea celebrada o pasado día 20, puido comezar a por as bases dun sistema electoral máis participativo e transparente.

Os socios elixiron aos quince membros que integrarán a Comisión encargada da reforma do proceso de elección. A actual comisión reitora (o órgano provisional que toma decisións) levou unha lista con 15 nomes de consenso que representaban ás faccións enfrontadas.

Á asemblea asistiron máis de 500 socios con dereito a voto (poden facelo 8.000 dos 100.000 da SGAE). Tras oito horas, votacións e escrutinio, os elixidos foron exactamente os mesmos que a comisión reitora propuxera. Podedes ver todos os nomeamentos aquí.

Do mesmo xeito, proximamente abrirase na páxina web da SGAE un foro de participación (www.fororeformaelectoralsgae.es) para que todos os socios -con e sen voto- trasladen as opinións, comentarios e ideas que consideren oportunos para o seu estudo pola Comisión, que terá competencia plena e executiva.

O resultado dos traballos desta Comisión, na que se integraron os distintos grupos profesionais, territorios e sensibilidades autorales, volverase a someter á consideración dos socios nunha nova Asemblea Xeral Extraordinaria convocada en Madrid o día 25 de novembro, que deberá referendar a reforma estatutaria. Grazas a estes cambios, as eleccións xerais previstas para o día 16 de xaneiro de 2012 levarían a cabo coas novas normas aprobadas pola Asemblea Xeral de Socios.

Máis info:

SGAE

El País