Sonia Lebedynski

Sonia bota a andar a súa carreira en solitario con ‘Deserto de centos’ logo de ser a ‘front woman’ de Fía na Roca e colaborar en múltiples iniciativas musicais. Estamos diante dun disco de autora -forneado xunto co brasileiro Sérgio Tannus- que é resultado de todas as músicas das que foi bebendo ao longo súa traxectoria musical e vital: trad, folc, funk, pop, música brasileira…

‘Deserto de centos’ é unha viaxe iniciática cara a un horizonte por descubrir. É o sedimento das músicas escoitadas e cantadas, dos proxectos dos que fixo parte, das persoas e dos lugares que coñeceu, dos versos que leu e que escribiu. Aí está todo o seu universo sonoro e vital.

Unha aposta atrevida e moi persoal, que estará acompañada en directo por unha magnífica banda, con Sérgio Tannus (dirección musical e cordas), Carlos Freire (percusións), Roberto Comesaña (piano e acordeón), Martiño Domínguez (saxo tenor e barítono) e Jose Luis Miranda (trombón).

O seu contacto coa música comeza sendo moi nova da man da man do seu pai de quen aprende as súas primeiras cancións. Iníciase na música tradicional galega e o folc. Con trece anos era a voz solista de Vai-te embora!, a súa primeira formación. Ten contacto con proxectos musicais doutros xéneros como o funky.

A súa versatilidade interpretativa lévaa a formar parte de propostas musicais moi diversas. Ten colaborado en múltiples proxectos como Son Delas, Ball Cans, Sete Saias, Voces na Musa, Asociación Cultural Barbantía, Conservatorio Tradicional e Folque de Lalín, Sereas e participado nos traballos discográficos de Fía na Roca, Susana Seivane, Camaxe, Seare, Asoc. Galega de Gaiteiros Galegos, Brañas Folk, Enrique Paisal ou Sergio Tannus.

Moi vencellada á creación de música para xente miúda colaborou coa Asoc. de Gaiteiros Galegos no libro disco Pelo Gato. No ano 2015 colaborou nos proxectos de música infantil Non hai berce como o colo editado por Kalandraka e Alegría da editorial Galaxia, ademais de O tempo dos xogos, editado polo mesmo selo, cuxos autores son da Escola de Música de Boiro, á que sempre estivo moi vencellada desde a súa creación. Participou no filme do grupo canadiano “La Bottine Souriante” sobre a súa xira europea.

Grupos