César Morán

César Morán é intérprete e compositor de música na liña dos cantautores. O seu último traballo é o libro-disco Haberá Primavera (Galaxia, 2011), dedicado integramente a Álvaro Cunqueiro no centenario do seu nacemento. Aquí pon música aos poemas de Cunqueiro menos tratados anteriormente, descubrindo dimensións inéditas do xenial escritor. Gravado na primavera de 2011 nos estudios Bruar da Coruña, Haberá Primavera conta coa colaboración de instrumentistas que xa participaran no CD anterior (Luís Soto, Nani García, os seus irmáns Pablo, Humberto e Alfonso), mais agora con Roberto Somoza ao saxo, Palmira Martínez no cello, Gertraud Brilmayer no violín, Traugott Graser no trombón, Adrião Morán no acordeón e a colaboración especial de Uxía como voz convidada. Na súa longa traxectoria buscou sempre a liberdade creativa a partir das influencias do jazz-rock, a música clásica e a canción de autor. Foi das voces que actuaran no programa Panorama de Galicia, a primeira experiencia dunha televisión galega. A fins dos setenta formou cos seus irmáns Pablo e Humberto o grupo Agra, onde se buscaban novos camiños para a creación á luz das resonancias máis inovadoras do momento. Costuma combinar a música coa expresión poética, ás veces con letras propias ou dando forma musical a poemas diversos, o que xa se pode apreciar no anterior disco Río de son e vento (Xerais, 1998). Este CD consta de quince cancións sobre poemas da literatura galega contemporánea, desde Rosalía de Castro a Manuel Rivas. Os arranxos son de Alfonso Morán e na gravación do disco hai grandes instrumentistas do ámbito do jazz, como Nani García, da música clásica como Xavier Simó ou Luis Soto, do mundo do folque como Xosé Ramón Vázquez e Xabier Bueno, e músicos polivalentes como Carlos Castro ou Roberto Santamarina. César Morán é un artista interdisciplinar, que se move principalmente entre a música e a literatura, e intervén en proxectos colectivos con diferentes poetas, pintores e artistas plásticos e audiovisuais como Maribel Longueira, Ramiro Torres, Nando Lestón, Eva Veiga, Chisco Fernández Naval, Lino Braxe ou Dores Tembrás… Compuxo música para teatro e televisión, e colaborou con Manuel Rivas nos CDs O pobo da noite (1996) e A desaparición da neve (2009) e en múltiplos directos. César Morán actúa ao vivo en solitario (voz, guitarra, piano) ou acompañado de músicos como Roberto Somoza (saxo, frauta, clarinete) e Alfonso Morán (contrabaixo e guitarra acústica) na posta en escena de Haberá Primavera. http://www.cesarmoran.eu

Grupos